O encontro, celebrado na sede da Consellería de Sanidade, centrouse na innovación aberta en saúde e na cooperación transfronteiriza, con sesións sobre intelixencia artificial, Living Labs, transferencia de resultados da investigación biomédica e iniciativas de innovación en Atención Primaria.
Presentáronse os avances de TRANSFIRESAÚDE, proxecto liderado por ACIS coa colaboración do SERGAS, que busca reforzar a integración do ecosistema de investigación e innovación en saúde da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, promovendo actuacións conxuntas para retos como o envellecemento activo e a medicina personalizada.
Tamén se abordou Innov4life, proxecto no que participan ACIS e a área sanitaria de Vigo do SERGAS, xunto con outras entidades galegas e portuguesas, traballando na creación dunha rede transfronteiriza de Living Labs especializados en saúde dixital para afrontar os retos do envellecemento e as demencias.
A mesa sobre intelixencia artificial contou coa participación de Manuel Lama (CITIUS), Marta Alonso (FIDIS) e Gonzalo Soliño (AFAGA), e Andrea Ogando (Universidade de Vigo) abordou a formación e sensibilización.
Na mesa de innovación aberta, Javier Quiles e Irene Illescas (SERGAS) presentaron iniciativas vinculadas á rede de Nodos de innovación e aos Living Labs transfronteirizos de Vigo. Tamén interviron Elísio Costa (Universidade do Porto), Mabel Sampedro (FIDIS), Delminda Neves e Beatriz Sá Pinto (i3S), e Carlos Rodríguez (Universidade de Vigo) presentou experiencias en Atención Primaria.
A Estratexia de Compra Pública de Innovación do SERGAS, gañadora dos European Public Sector Awards (EPSA) 2025-26 na categoría de «Prestación de servizos centrados no usuario a nivel subnacional», foi recoñecida nun acto específico. A candidatura foi presentada por ACIS, SERGAS e a Consellería de Sanidade.
Esta estratexia, desenvolvida desde 2012, impulsou solucións innovadoras mediante a colaboración co mercado, cun investimento de máis de 120 millóns de euros e máis de 30 procesos de contratación, resultando en ferramentas como a historia clínica electrónica IANUS, a receita electrónica e o sistema de teleasistencia TELEA.
O acto de recoñecemento contou cunha sesión moderada por José María Romero (ACIS), con participación de Alicia Piñeiro e Javier Quiles (SERGAS), Elías Castro (DXC), Elísio Costa (Universidade do Porto), Iván Rarís (CSG), Juan Carlos Rodríguez (AFAGA) e Alfonso Alonso (médico de Atención Primaria).
A xornada rematou coa proxección dunha mensaxe de Marco Lopriore (EIPA) e o peche institucional a cargo do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.




