Baixo o lema “Apostamos por un futuro consciente e sostible no que ti xogas moito”, o goberno local de Soutomaior pide a implicación da cidadanía e dos grandes xeradores de residuos para mellorar os datos de separación e, así, reducir os custos de tratamento que se envían a Sogama. Esta iniciativa forma parte da estratexia municipal "Conscientes. Medra en verde".
O Concello sinala que os custos do tratamento da fracción non reciclable incrementáronse significativamente, pasando de 73 euros por tonelada en 2023 a 122 euros por tonelada neste ano, o que supón unha suba do 67%. A nova lexislación sobre residuos obriga á separación en orixe e sanciona o depósito de lixo sen separar. O tratamento só se abona polo lixo que acaba no colector de "resto" (gris), mentres que o vidro, o plástico, o cartón ou a roupa non xeran custo cando se depositan de forma separada.
O custo de tratamento por tonelada para cada colector, sen incluír os de recollida, é de 0€ para o colector azul (papel e cartón), amarelo (envases, latas e briks), verde (envases de vidro), laranxa (aceite de cociña usado), téxtil (roupa e calzado) e composteiro/marrón (materia orgánica, 58€). O colector gris (outros restos) ten un custo de 122€ por tonelada.
A maior utilización da compostaxe e dos colectores de reciclaxe permitirá reducir as toneladas no contedor de "resto", diminuíndo así a factura que o Concello paga a Sogama e axudando a manter conxelado o recibo do lixo para os veciños.
“"Cada quilo que separamos ben é un quilo menos que pagamos ao prezo máis elevado."
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, subliña que a campaña busca concienciar á veciñanza sobre a importancia da correcta separación de residuos, tanto dende o punto de vista ambiental como económico. "Separar os residuos é unha responsabilidade ambiental, pero tamén é unha decisión económica. Cada quilo que separamos correctamente é un quilo que non acaba no colector gris e, polo tanto, un quilo menos que temos que enviar ao tratamento máis caro", explicou.
Ademais, o Concello recorda que as incidencias e avisos relacionados cos servizos municipais poden comunicarse a través de WhatsApp no teléfono 667 768 289, ou mediante o código QR do díptico informativo da campaña. Toda a información está dispoñible en www.conscientes.gal.
A campaña conta co cofinanciamento da Unión Europea (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Programa FEDER Galicia 2021-2027), coa participación da Xunta de Galicia e Xacobeo 2027.




