O Concello de Soutomaior continúa a súa campaña Conscientes coa mellora dos servizos municipais de limpeza e xestión de residuos. Agora, pon á disposición da veciñanza un servizo gratuíto de recollida a domicilio de restos de poda.
Para facilitar o uso deste servizo, os veciños poden recoller de balde unha “bigbag”, destinada ao depósito dos restos vexetais, no Punto Limpo da Montesiña ou nas oficinas do Concello de Soutomaior. Alí recibirán información sobre o funcionamento do servizo e os pasos necesarios para solicitar a súa posterior recollida a domicilio.
Unha vez preparada a “bigbag”, para solicitar a retirada dos restos é necesario contactar con Urbaser no teléfono 986 67 80 46. Dende a empresa informarán sobre como coordinar a retirada.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que o Concello traballa para facilitar á veciñanza ferramentas que permitan xestionar correctamente os residuos domésticos, mellorando a limpeza e o coidado dos espazos públicos. Sinalou que a sustentabilidade tamén se constrúe con pequenos xestos e que estes servizos facilitan o tratamento axeitado dos restos de poda, evitando que rematen en lugares inadecuados.
Esta iniciativa súmase a outras actuacións municipais para mellorar a xestión de residuos, fomentar a separación e reciclaxe, e avanzar cara a un Soutomaior máis limpo e respectuoso co medio ambiente. O Concello lembra a importancia de non depositar restos de poda nos colectores convencionais nin abandonalos en espazos públicos, animando á veciñanza a utilizar os recursos municipais dispoñibles.




