A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través da Axencia Galega de Innovación, resolveu a convocatoria Recuperación de Excelencia Neotec. O Goberno galego rescata así proxectos de empresas galegas que se presentaron á convocatoria estatal pero que quedaron fóra por insuficiencia de crédito, co obxectivo de facelos viables e evitar que decaian por falta de apoio.
As cinco empresas beneficiarias son compañías de recente creación (constituídas entre 2022 e 2024), con sede social ou centro de traballo en Galicia e especializadas en ámbitos de coñecemento avanzado. Todas elas contan co Selo Neotec e superaron os limiares mínimos de avaliación do programa Neotec do CDTI na súa convocatoria de 2025.
Cada unha das pemes seleccionadas recibirá ata un máximo de 325.000 euros ata 2028. As iniciativas combinan intelixencia artificial, novos materiais, biotecnoloxía e simulación avanzada, e contribúen á xeración de actividade económica de alto valor engadido, en liña cos sectores estratéxicos STEP (Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa).
As compañías apoiadas son Slimop Space (Nigrán), que desenvolve telescopios espaciais; Sedna International Institute (Gondomar), que aplica intelixencia artificial ao ámbito financeiro; Sortcell Analytica (Vigo), centrada en tecnoloxías de biopsia líquida; Nsilica Simulation Technologies (Nigrán), con ferramentas de simulación biomecánica; e Corpus Computacional Biomechanics (Viveiro), que aplica IA para xerar xemelgos dixitais anatómicos da columna vertebral.




