A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense iniciou este mércores unha nova edición dos seus Professional Brunch, un espazo de encontro para que o alumnado coñeza experiencias profesionais de interese para a súa formación. Nesta ocasión, Justo Sierra, presidente e conselleiro delegado de URO Vehículos Especiales S.A. (Urovesa), interveu para explicar o papel estratéxico do sector da seguridade e a defensa e o seu impacto no desenvolvemento económico e social, a partir da experiencia da súa empresa.
A iniciativa, que contou coa colaboración do Colexio de Economistas de Ourense, comezou coas intervencións da súa presidenta, Carmen Sampaio, e do decano da facultade organizadora, Jesús Vázquez. Destacouse a oportunidade que estas actividades ofrecen ao alumnado para coñecer grandes empresas e o seu persoal directivo, contribuíndo á súa formación como futuros profesionais. Ao evento asistiu principalmente alumnado dos graos de Administración e Dirección de Empresas e Turismo, así como programas conxuntos.
URO Vehículos Especiais SA, fundada en 1981, é unha empresa referente no deseño, fabricación e posventa de vehículos todoterreo e especiais para uso militar e/ou industrial. É provedora do Ministerio de Defensa de España desde 1984 e conta con clientes en máis de 30 países. As súas instalacións en Valga (Pontevedra) teñen unha capacidade produtiva de ata 5.000 vehículos/ano.
Justo Sierra explicou que a empresa emprega a unhas 450 persoas e ten unha facturación duns 140 ou 150 millóns de euros ao ano. Sinalou que a empresa está nun momento de crecemento debido ao contexto xeopolítico e á iniciativa europea, o que está a traer consigo máis emprego e investimento en instalacións.
O presidente e conselleiro delegado de Urovesa amosou a súa satisfacción polo encontro co alumnado universitario e por poder presentar a empresa, na que traballa dende hai máis de 30 anos e que dirixe dende hai unha década. "Poder explicarlle o que facemos e o que queremos facer e poder dialogar sobre iso co alumnado é moi interesante e achéganos máis á sociedade", apuntou.
A seguinte cita destes Professional Brunch será o luns 28 de setembro, ás 10:00 h, na sala de xuntas do decanato de Ciencias Empresariais e Turismo. Neste caso, Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, impartirá a charla "O Camiño de Santiago como laboratorio: turismo, xestión e decisións públicas", onde afondará nos retos e oportunidades que presenta o Camiño como "referencia internacional na planificación e xestión turística".




