A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Vigo e a Delegación do Goberno para garantir a seguridade na contorna da estación de autobuses da cidade olívica, ante a presenza continuada de persoas sen fogar. Así se acordou nunha xuntanza entre representantes das tres administracións.
O Goberno galego instalará un peche provisional nos soportais da infraestrutura, que é de titularidade autonómica. Para a execución desta medida, solicitouse a colaboración tanto do Concello, a través dos seus servizos sociais, como da Delegación do Goberno, mediante a Policía Nacional.
Esta actuación busca restrinxir o acceso á zona para previr usos inadecuados, mellorar as condicións de seguridade, facilitar as tarefas de limpeza e mantemento, e preservar o estado de conservación do inmoble, contribuíndo a un uso ordenado das instalacións.
En relación coa presenza de persoas sen fogar, a Xunta lembroulle ao Concello de Vigo a súa competencia, segundo a normativa vixente, para a atención inmediata destas persoas e para a xestión dos servizos sociais comunitarios. O Goberno galego comprometeuse a colaborar nesta atención dentro das súas competencias, como xa vén facendo a través do apoio a entidades sociais.




