Representantes da Xunta de Galicia e das tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) celebraron este martes unha xuntanza na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para iniciar os traballos de elaboración do Plan Galego de Financiamento Universitario 2028-2032.
O vicerreitor de Gobernanza, Estratexia e Economía da Universidade de Vigo (UVigo), Xosé Henrique Vázquez, destacou a "cordialidade" da xuntanza e o aliñamento entre as partes para "mellorar o sistema". Na reunión, Vázquez, xunto á xerenta Ana Comesaña, representou á UVigo na primeira toma de contacto para o que será o sétimo Plan de Financiamento universitario.
“"Cada vez financia menos, porque o financiamento real diminúe ano a ano, e aínda que no plan hai contemplado un incremento dese financiamento real, a inflación aumenta en maior proporción."
A reitora da UVigo, Carmen García Mateo, sinalou que o financiamento real do plan diminúe anualmente. Explicou que se no ano 2020 o Plan supoñía case o 84% dos ingresos reais, no ano 2026 representa o 76%. García Mateo tamén indicou que, a pesar da boa xestión universitaria e da competitividade, "os fondos estruturais non son suficientes" debido ao envellecemento do persoal e á inflación, polo que o novo Plan "ten que aumentar en cantidade e logo o reparto interno, a proporción dedicada a custos estruturais, tamén ten que ser maior".
A Xunta informou que o documento para o período 2028/32 manterá a estrutura do plan vixente, incorporando novidades como a matrícula gratuíta, a Fundación Galtia, e as esixencias económicas do programa estatal María Goyri. O executivo autonómico lembrou que a folla de ruta actual (2022/26, prorrogada a 2027) supuxo unha achega de preto de 2.542 millóns de euros, case 85 millóns máis do previsto. A previsión é mobilizar máis de 3.300 millóns de euros no período, fronte aos 3.177 millóns previstos en 2022.
Na reunión, celebrada en Santiago de Compostela, propúxose unha metodoloxía de traballo e a Consellería amosouse aberta a recibir datos e opinións. As universidades deberán remitir á Xunta información sobre planificación de xubilacións, necesidades docentes, plans de investigación e datos de contabilidade analítica para realizar os cálculos.
Pola Xunta participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; o director xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, Arturo López; a subdirectora xeral de Universidades, Beatriz Soutelo; e o subdirector de Financiamento Autonómico, Javier de la Peña. Pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) asistiron o xerente, Juan Díaz Villoslada, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande. Pola Universidade da Coruña (UDC), o reitor, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández.




