A Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra celebraron este martes a primeira reunión do grupo de traballo conxunto, centrado na integración urbana e a expansión do campus pontevedrés. O encontro estivo liderado pola reitora da UVigo, Carmen García Mateo, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto cos seus equipos técnicos.
Durante a xuntanza abordáronse temas clave como a integración do campus na cidade, os seus accesos, a mobilidade, o mantemento de espazos e a creación de novas áreas universitarias. Ambas as institucións amosaron unha clara disposición ao traballo conxunto e unha visión a longo prazo para o desenvolvemento do campus.
“"A constitución deste grupo de traballo supón dar un paso máis nun diálogo que a Universidade e o Concello de Pontevedra xa viñamos mantendo nas últimas semanas. Valoramos moi positivamente a disposición de ambas institucións para traballar conxuntamente e cunha mirada de medio e longo prazo sobre o Campus de Pontevedra e a súa relación coa cidade."
A reitora destacou a oportunidade de avanzar cara a un campus "máis conectado" coa cidade, incidindo en aspectos como a humanización, a mobilidade e a sostibilidade. Subliñou que o novo grupo de traballo permitirá estudar necesidades, posibilidades e planificar de maneira coordinada o futuro do campus, recoñecendo o seu potencial de crecemento.
A reunión concluíu co compromiso de elaborar un documento estratéxico conxunto que recollerá os obxectivos comúns a medio e longo prazo de ambas as dúas institucións, pendente de sinalar novas datas para futuros encontros.




