Nun acto celebrado en Vigo, o líder do PPdeG reivindicou o cumprimento de "máis do 85 %" do programa electoral co que os populares concorreron ás eleccións autonómicas de 2024. O encontro, baixo o lema ‘Galicia Goberna’, tivo lugar na sede de Afundación e reuniu a unhas 400 persoas.
O titular do Goberno galego destacou as medidas comprometidas polo partido, pero tamén fixo fincapé na necesidade de "traballar moito máis a partir de agora". Tras a intervención de todos os conselleiros, agás Diego Calvo, Rueda utilizou un símil deportivo para sinalar que a lexislatura entra nunha nova fase, "a piques de chegar ás etapas de alta montaña".
"Está moi ben ir de primeiros, ter rematado tanto ata agora, pero o importante é traballar moito máis a partir de agora", subliñou o líder popular.
No seu discurso, Rueda puxo en valor as políticas desenvolvidas en materia de educación, vivenda e sanidade, ámbitos nos que o Executivo galego quixo centrar boa parte do balance. Reivindicou a "Galicia que goberna" fronte á oposición, á que animou a converterse na oposición do "si", con "s" de sentidiño e "i" de impulso.




