O Concello de Redondela fai un balance moi positivo dos datos de turismo correspondente ao período estival, cualificando as cifras de históricas. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que os resultados ratifican "o liderado absoluto do municipio como punto de confluencia das rutas xacobeas do sur de Galicia e como destino cultural e de natureza de referencia".
Ao longo da tempada, a Oficina de Turismo atendeu 14.072 persoas, sendo o Camiño de Santiago o principal motor, xa que o 93,65% dos usuarios (13.179 persoas) foron peregrinos. A ruta do Interior foi a opción maioritaria (7.068 persoas), mentres que o Camiño da Costa tamén amosa un crecemento notable. Ademais, rexistráronse 893 turistas e visitantes convencionais.
O impacto real do fenómeno xacobeo en Redondela é moito maior, xa que todos os peregrinos das dúas variantes do Camiño Portugués pasan necesariamente polo municipio. Segundo datos da Oficina de Acollida ao Peregrino de Compostela, máis de 162.000 camiñantes pasaron polas rutas este ano, consolidando Redondela como un fito estratéxico e motor económico para a hostalaría e o comercio local.
A alcaldesa mostrouse satisfeita cos resultados, destacando o potencial de Redondela como "o corazón do Camiño Portugués en Galicia" e a súa capacidade para atraer visitantes co seu patrimonio, natureza e oferta de lecer.
A programación propia deseñada polo Concello, como os Roteiros Ambientais & Culturais, tamén tivo unha resposta "extraordinaria", con 500 participantes desde xullo. A iniciativa mantense activa en setembro con saídas como "A Punta de Cesantes" ou "O Río Pexegueiro", buscando desestacionalizar a oferta turística.
O Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande, o Meirande, é outro punto de atracción clave, con 7.996 visitas desde abril. Destaca a alta participación nas visitas guiadas teatralizadas, que este verán reuniron a 240 persoas.




