O Centro Multiusos de Fornelos de Montes acolleu onte a cerimonia de entrega da novena edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey. O acto subliñou o compromiso coa liberdade de prensa na denuncia de problemáticas sociais que xeran un contorno "inhóspito" para o ser humano.
O galardón, que honra a un dos fillos ilustres da localidade pontevedresa, foi entregado polo alcalde, Emiliano Lage, a Aser Álvarez. O xornalista, escritor e director, orixinario de Celanova, foi distinguido polo seu artigo O tema prohibido, unha contundente denuncia sobre os impactos negativos das macrogranxas no ecosistema galego e na saúde pública, así como a xestión dos seus residuos que poden afectar á cadea alimentaria.
Tras as palabras de benvida da presentadora do evento, Carmen Carreiro, Carmen Vidal, en representación do xurado composto tamén por Ramón Nicolás e Ramón Rozas, destacou os méritos do artigo gañador, xustificando a elección.
“"O legado dos meus pais en canto á resistencia e á rebeldía para enfrontarse ás causas que consideramos inxustas e prexuizosas para o ser humano."
Aser Álvarez puxo en valor o legado familiar de resistencia fronte á inxustiza, agradecendo o premio que outorga visibilidade a situacións como as que se dan na Baixa Limia e no norte de Portugal. Dedicou o galardón a Xesús Alonso Montero, quen lle suxeriu a figura de Lueiro Rey e o animou a participar neste certame.
A xornada concluíu coa actuación do conxunto de cámara Esemble Helenes, mentres xa se pon a vista na décima edición deste recoñecemento.




