Pontevedra será a sede das exposicións e da programación da Luga Poster Biennale, un certame internacional de cartelismo ao que concorreron máis de 2000 proxectos procedentes de 66 países. A Facultade de Media Artes e Design (FMAD) e o Instituto de Investigación en Deseño, Medios e Cultura (ID+) da Universidade Técnica do Porto, xunto coa Asociación Galega de Deseño (Dag), seleccionaron 300 carteis de 43 países que se poderán visitar na Facultade de Belas Artes entre o 10 de decembro e o 15 de xaneiro.
A esta mostra sumaranse unha exposición de carteis do deseñador galego Pepe Barro e un ciclo de conferencias, nunha programación que conta coa colaboración da UVigo, o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Fundación Didac. A iniciativa tamén conta co apoio da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía de Portugal (FCT) e a fundición tipográfica R-Typography.
A vicerreitora do campus, Marián Fernández, destacou que esta benal luso-galega é a primeira de moitas colaboracións posibles e contribuirá á consolidación do campus de especialización Crea. O concelleiro de Cultura e Educación, Demetrio Gómez, cualificou como un "auténtico luxo" que a cidade acolla a programación. Pola súa banda, Vítor Quelhas, director do ID+, explicou que Luga busca conectar Galicia e Portugal e promover a reflexión sobre o cartel como forma de comunicación visual e expresión cultural, sendo un espazo de encontro para autores, investigadores, estudantes e profesionais.
María Ramos, presidenta da Dag, engadiu que a convocatoria está pensada como un punto de encontro e reflexión para o público xeral, achegando ao contexto actual e á creación contemporánea.
Os 300 carteis seleccionados integrarán a exposición na Facultade de Belas Artes, e recolleranse nunha publicación que se presentará na xornada de clausura, o 15 de xaneiro. Nese mesmo día inaugurarase na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes unha exposición monográfica sobre os 50 anos de traxectoria de Pepe Barro.
O 10 de decembro, o Pazo da Cultura acollerá as conferencias da investigadora Helena Barbosa e do deseñador Ibán Ramón, ademais da entrega de premios nas catro categorías do certame: cultural, político e social, experimental e carteis animados.




