A Universidade de Vigo abriu un período de inscrición para aqueles membros da comunidade universitaria que desexen unirse á Orquestra da UVigo para o vindeiro curso académico. O prazo para presentar as solicitudes remata o 25 de setembro.
Poderán inscribirse o estudantado, o persoal docente e investigador (PDI), o persoal de administración e servizos (PTGAS) e membros da rede alumni. A inscrición realízase a través dun formulario en liña que permitirá presentar as solicitudes para participar nas actividades previstas ao longo do curso 2026-2027.
De xeito excepcional, esta convocatoria tamén permite a incorporación de colaboradores externos cando as necesidades artísticas da orquestra o requiran. Esta iniciativa, impulsada pola Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria, defínese como un "espazo artístico participativo, integrador e enriquecedor" co obxectivo de fomentar a paixón pola música, o crecemento colectivo e a difusión da arte orquestral.
A orquestra, que cumpre nove meses desde a súa creación, está dirixida por Raquel Carrera e conta xa cunha trintena de intérpretes. A maioría son estudantes e exestudantes da UVigo, xunto con algúns representantes do PDI. Aínda que a maioría provén do campus de Vigo, tamén hai presenza de integrantes dos campus de Ourense e Pontevedra.
A nivel instrumental, a formación inclúe representación das principais familias da orquestra sinfónica: corda (violíns, violas, violonchelos e contrabaixos), vento madeira e vento metal. Próximamente, incorporarase tamén a percusión. Os ensaios teñen lugar no edificio Redeiras os xoves, de 19:00 a 21:00 horas.




