O Reggaeton Beach Festival (RBF), un dos maiores eventos de música urbana en Europa, anunciou a suspensión total da súa xira de 2026 e o fin das súas actividades. Esta decisión impacta directamente en Nigrán, onde estaba programada unha nova edición para este verán.
A organización comunicou a cancelación tras constatar que a súa estrutura operativa e financeira xa non permite afrontar con garantías a celebración dun evento destas características. A noticia supón un duro golpe para miles de asistentes e para a propia localidade, que esperaba converterse de novo nun epicentro da música urbana.
Segundo o comunicado da organización, a nova administración da sociedade xestora detectou importantes dificultades económicas, financeiras e operativas que comprometen a viabilidade do proxecto. A empresa asegura que non pode garantir o desenvolvemento dos eventos nin manter a actividade necesaria para a xira de 2026.
A pesar da boa acollida e da confianza depositada por público, artistas, patrocinadores e institucións, a dirección do festival considera imposible continuar coa programación prevista. A cancelación afecta de cheo a Nigrán, que aspiraba a repetir o impacto económico e turístico xerado en edicións anteriores.
A celebración anual do festival supuña a chegada de miles de persoas de toda Galicia e do resto de España, con importante repercusión para o sector hostaleiro, comercial e turístico da comarca. Coa suspensión, desaparece unha das grandes citas musicais do verán no sur da provincia de Pontevedra.
A organización informou que está a xestionar as consecuencias económicas, contractuais e administrativas. Nos próximos días comunicarase a través das canles oficiais os procedementos para os afectados, incluídos os asistentes con entradas xa adquiridas.
O RBF agradeceu o apoio recibido durante os últimos oito anos e pediu desculpas polo impacto da decisión. A organización afronta agora un complexo proceso de xestión do peche, que pon fin a unha marca recoñecida no circuíto de festivais urbanos en España e Europa.




