A Universidade de Vigo terá unha notable representación nos vindeiros campionatos do mundo universitarios, promovidos pola Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU). Un total de nove estudantes da institución académica competirán en catro disciplinas diferentes: piragüismo, squash, deportes de praia e vela.
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, situada no campus de Pontevedra, é o centro con maior número de representantes, achegando seis dos nove deportistas. Tamén competirán dous estudantes da Escola de Enxeñaría Industrial e unha alumna da Facultade de Deseño.
O mundial de piragüismo, que se celebrará na cidade húngara de Szeged do 17 ao 20 de agosto, será a cita con máis participantes da UVigo, con seis representantes. Entre eles atópase Uxía Rodríguez, quen recentemente logrou unha medalla de bronce no Campionato de Europa Júnior e Sub23. Rodríguez participará na competición individual de K1 1000 metros e noutras distancias que defina o equipo técnico. "Para min, participar nun Campionato do Mundo Universitario supón unha oportunidade moi especial", declarou.
Mauro Domínguez, alumno do Grao en Educación Primaria, tamén regresará a Szeged tras o Campionato de Europa. Esta será a súa segunda experiencia nun mundial universitario, tras participar no de 2024. Domínguez optará a formar parte dos barcos de equipo K2 e K4.
María Paraja, tamén estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, competirá nas diferentes probas de kaiak. Para ela, será a súa segunda participación no mundial universitario, co obxectivo de subir ao podio tras quedar "as portas da medalla" en 2024.
Irene Lata, estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, tamén vivirá a súa segunda experiencia neste campionato. Participará principalmente nas probas da distancia dos 500 metros, na que conseguiu a clasificación.
Na modalidade de canoa, Carlos Gutier, estudante do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, tamén representará a España en Hungría. Gutier Picón buscará "gozar da experiencia, render ao máximo e, se é posible, intentar conseguir algunha medalla".
Yoel Becerra, estudante do Grao en Enxeñaría Química, competirá no mundial de piragüismo representando a Uruguai. Tras anos fóra da competición de alto nivel, buscará "pelexar por entrar nas finais" nas probas de C1 de 500 e 1000 metros.
No que respecta ao squash, Marta Domínguez, formada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, intentará revalidar o título mundial universitario en Mumbai (India), onde competirá entre o 3 e o 9 de agosto. Domínguez xa acadou o ouro en 2024 e o bronce dous anos antes.
Saúl Bello, estudante de Ciencias da Educación e do Deporte, participará no Campionato do Mundo Universitario de Deportes de Praia en Figueira da Foz (Portugal) en setembro. Bello competirá en loita praia, na categoría de -80 quilos, co obxectivo de "chegar a loitar polas medallas".
Finalmente, o mundial de vela celebrarase en Split (Croacia) entre o 28 de setembro e o 2 de outubro. Stella Maris Enríquez, estudante do Grao en Enxeñaría Biomédica e integrante do equipo preolímpico español, participará nesta competición con barcos Melges 20.




