Diversas empresas e negocios da cidade olívica están a ampliar os seus equipos, ofrecendo postos de traballo en áreas tan variadas como a automoción, a tecnoloxía, o mantemento, o comercio, a loxística e a sanidade. Entre as ofertas máis destacadas atópanse vacantes en recoñecidas cadeas como MediaMarkt, talleres especializados, firmas industriais e compañías de servizos técnicos e sanitarios.
Un taller vigués busca un/ha mecánico/a de automóbiles con experiencia demostrable en reparación e mantemento de vehículos, así como coñecementos en electrónica do automóbil. Esta oferta, publicada na plataforma Emprego Xunta de Galicia, é unha mostra da demanda de profesionais cualificados no sector da automoción.
Pola súa banda, MediaMarkt busca persoal para a súa tenda situada no Centro Comercial A Laxe. Os postos, con xornadas parciais de entre 20 e 30 horas semanais, céntranse na atención ao cliente e na venda de produtos tecnolóxicos. Valoraranse a experiencia comercial, as habilidades comunicativas e o interese pola tecnoloxía.
No ámbito sanitario, MEDYCSA, parte do grupo Quirónprevención, precisa un/ha médico/a para colaboración presencial en Vigo, cunha dedicación de 4 a 5 horas semanais. Requírese licenciatura ou grao en Medicina homologado e colexiación en vigor, ofrecendo unha modalidade mercantil con posibilidade de ampliar servizos.
Tamén se buscan profesionais para o sector de instalacións e mantemento. Unha empresa especializada precisa un/ha fontaneiro/a para traballos en vivendas, locais e comunidades, esixindo experiencia demostrable, carné de conducir e coñecementos de saneamento e auga sanitaria. Valorarase experiencia adicional en climatización ou gas.
No sector da loxística, Hinojosa Packaging Group busca persoal de almacén para carga, ubicación de materiais e apoio loxístico. É imprescindible o carné de carretilleiro en vigor, experiencia mínima dun ano e dispoñibilidade para quendas rotativas.
Finalmente, MANOSA busca un/ha técnico/a electrónico para o mantemento e reparación de equipos electrónicos. O posto, que inclúe desprazamentos por Galicia, require formación técnica e carné de conducir, e ofrece contrato indefinido cun salario bruto anual de entre 18.000 e 21.000 euros.




