Esta mobilización, que se espera que teña un seguimento maioritario, provocará o peche de numerosas tendas en Vigo, incluíndo establecementos de grandes cadeas como Inditex, H&M, Mango e Primark. A convocatoria segue a unha xornada de paro similar que tivo lugar o pasado venres 17 de abril.
“"O preacordo asinado pola patronal con outros sindicatos suporía unha rebaixa de entre 2.000 e 3.000 euros anuais segundo a categoría profesional, cifra que ascendería aos 5.000 euros para as novas incorporacións nas tendas de Inditex na provincia da Coruña."
Ademais das condicións salariais, o sindicato criticou outras medidas incluídas na negociación, como a obrigatoriedade de traballar domingos e festivos, a redución da antelación para a planificación de horarios a só cinco semanas e a autorización de contratos fixos-descontinuos a tempo parcial.
En canto á xornada anual, a central sindical advertiu que as horas de traballo reais aumentarían ao deixar de computar o tempo de descanso diario como tempo efectivo de traballo. Para o sindicato, a firma definitiva deste convenio estatal implicaría a desaparición das negociacións provinciais e a "precarización" das novas contratacións.
Ante esta situación, CIG-Servizos remitiu un escrito á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) instando á patronal galega a negociar un acordo interprofesional propio que "blinde" os convenios provinciais e garanta a súa prioridade fronte ao marco estatal.




