Unha menor resultou ferida de gravidade este domingo tras un accidente de tráfico rexistrado na estrada da Madroa, en Vigo. No sinistro, ocorrido pouco despois das 17:00 horas, víronse implicados un turismo e un vehículo todoterreo da agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Segundo informa o 112 Galicia, a alerta foi dada por un particular. Por causas que se están a investigar, o vehículo de Protección Civil impactou contra o lateral do turismo no que viaxaba a menor, quen sufriu un traumatismo na cabeza.
A menor foi trasladada de inmediato ao hospital, xunto a outros dous adultos que presentaban feridas leves. Pola contra, tanto o ocupante do vehículo de Protección Civil como outro menor que viaxaba no turismo resultaron ilesos.
Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e axentes da Policía Local.




