O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, informou esta mañá no Parlamento de Galicia sobre o avance das obras do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Estas actuacións culminarán cun edificio de hospitalización de 12 plantas e un novo materno-infantil, mentres se continúan implementando novos servizos.
En resposta a unha interpelación sobre a situación das obras, o responsable autonómico explicou que os traballos xa realizados permitiron nos últimos anos a dotación dun novo edificio de hospitalización de máis de 52.000 metros cadrados, unha nova Unidade de Coidados Intensivos (UCI), unha nova Unidade de Ictus e unha nova Unidade de Medicina Nuclear, ampliando así a capacidade asistencial da provincia.
A estas actuacións sumaranse proximamente o novo edificio de hospitalización de doce plantas, actualmente en construción e cuxa entrada en funcionamento se prevé para o primeiro semestre de 2027, e a substitución completa do actual Materno-Infantil por un novo edificio, que xa está planificada.
A provincia de Ourense tamén está inmersa nun proceso de renovación progresivo das súas infraestruturas sanitarias, que abarca hospitais comarcais e centros de saúde. Exemplos disto son a ampliación do servizo de Urxencias do Hospital Público de Verín ou a área de consultas externas do Hospital Comarcal de Valdeorras.
As melloras tamén chegan á atención primaria, coa execución dos centros de saúde da Rúa, Muíños e Boborás, e a futura construción dos novos centros integrais de saúde do Carballiño e de Ourense.




