O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes que prolonga a vixencia das bonificacións nas tarifas do transporte público interurbano competencia da Xunta. Estas axudas, que incluían unha "minoración adicional e temporal" e que remataban a finais deste mes de xuño, estenderanse agora ata finais de 2026.
As bonificacións aplicaranse cun desconto do 40% nos autobuses interurbanos de competencia autonómica. Tamén se beneficiarán desta medida o transporte da ría integrado na área de transporte metropolitano de Vigo, concretamente nas conexións Cangas-Vigo e Moaña-Vigo en ambos os sentidos. Así mesmo, continuarán os descontos no tren da área de transporte metropolitano de Ferrol.
Ademais, o DOG tamén recolle a orde pola que se establecen os servizos mínimos para a folga convocada os días 18 e 23 de xuño e 1 de xullo polo comité de empresa de Subus Grupo de Transportes. Esta compañía opera servizos de transporte regular de viaxeiros en concellos como Mondariz, Covelo, Ponteareas, Tui, Baixo Miño e o sur da comarca de Vigo.
Os servizos mínimos fixados inclúen as rutas de transporte escolar de máis de catro quilómetros. Para as rutas de transporte público de lonxitude inferior a 25 quilómetros, establecéronse servizos mínimos do 50% das expedicións habituais nas franxas horarias de primeira e última hora (06.00-09.00 e 18.00-21.00). Para viaxes de máis de 25 quilómetros con orixe ou destino nunha das sete cidades galegas, manterase unha expedición de ida e outra de volta para servizos anteriores ás 14.00 e posteriores ás 18.00 horas.




