A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, supervisou hoxe o inicio desta nova actuación. Trátase da primeira promoción do polígono 2 de Navia, que albergará 172 vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios e será o edificio máis grande construído ata o momento na zona.
Esta promoción supón un investimento de 37,2 millóns de euros e responde ao obxectivo da Xunta de seguir incrementando a oferta de vivenda pública na cidade olívica. As novas vivendas estarán cofinanciadas con fondos FEDER e terán en conta a composición dos inscritos no Rexistro Público de Demandantes de Vigo, con especial atención ás tipoloxías de tres dormitorios.
No polígono 2 de Navia, a Xunta está a simultanear os traballos de urbanización e edificación, e xa ten licitadas todas as obras previstas neste ámbito. Paralelamente, no polígono 1, xa se remataron as obras de urbanización e mantéñense dez promocións en execución, con outra pendente de iniciarse proximamente.
A conselleira Allegue destacou a incorporación de técnicas de construción industrializadas nesta nova promoción, unha aposta da Xunta para modernizar o sector da construción. Estas técnicas axilizan os tempos, axudan a paliar a falta de man de obra, son máis eficientes ambientalmente e favorecen ás empresas galegas especializadas.
Ademais, a conselleira puxo en valor o compromiso da Xunta de facilitar o acceso á vivenda pública a máis familias, incrementando os limiares de renda. Como exemplo, mencionou que unha parella cun fillo con ingresos de ata arredor de 3.500€ brutos mensuais poderá acceder a estas vivendas, fronte aos 2.250€ anteriores.




