A Consellería do Medio Rural destinou máis de 670.000 euros a actuacións de recuperación nas zonas de Viana do Bolo (Ourense) que foron afectadas por incendios forestais. Estas accións céntranse en terreos de comunidades de montes veciñais en man común do municipio.
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, destacou que se puxeron a disposición dos afectados ata oito liñas de axudas, que poden cubrir o 100% do investimento, cun límite de ata 200.000 euros por beneficiario.
No sector forestal, as axudas convocadas buscan paliar gastos derivados da eliminación de madeira non comercial, realizar plantacións substitutorias, reparar danos en infraestruturas de titularidade privada e arranxar maquinaria e equipamento forestal danado.
Ademais, convocáronse axudas para explotacións agrícolas e gandeiras, destinadas á reparación de bens danados, cobertura por perda de producións ou morte de gando, e á adquisición de alimentación complementaria para o gando.
Complementariamente, realizáronse tarefas de consolidación de solos para evitar a erosión mediante a técnica de mulching e a instalación de albarradas en áreas prioritarias identificadas polo CSIC en Ourense e Lugo. Tamén se executaron traballos de adecuación do firme de pistas forestais danadas en máis de 100 km nas catro provincias, cunha mobilización de case 1,6 millóns de euros.
Tramitáronse tamén 13 expedientes de restauración hidrolóxico-forestal, con especial atención ás zonas afectadas polos incendios de Larouco, Oímbra e Chandrexa de Queixa, e desenvolveuse un plan de alleamento de madeira comercial.




