A Universidade de Vigo e a Axencia de Turismo de Galicia asinaron este luns un convenio de colaboración para a creación da Aula Turismo de Galicia na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. O espazo aspira a ser “centro de referencia para a creatividade, a innovación docente, a investigación aplicada e a innovación profesional no ámbito turístico”. Para acadalo, promoverá “metodoloxías innovadoras, creativas e participativas” dirixidas ao estudantado, ao persoal docente e investigador, así como a profesionais do sector turístico, favorecendo a “transferencia de coñecemento, a experimentación tecnolóxica e a colaboración co tecido institucional e empresarial do sector turístico galego”.
Na sinatura e presentación do proxecto no edificio xurídico-empresarial do campus de Ourense participaron Carmen García Mateo, reitora da Universidade de Vigo; José Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; e Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; asistindo tamén Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Elisa Alén e Nuno Sousa, responsables da aula, e profesorado do centro.
A reitora, Carmen García Mateo, destacou que a creación da aula “reflicte moi ben a universidade que queremos construír: unha institución que aproveita as súas capacidades, que coopera coas administracións e co tecido produtivo e que pon o coñecemento ao servizo da sociedade”. Subliñou que o valor do proxecto “non está só nas ferramentas tecnolóxicas, senón no que sexamos capaces de facer con elas”, e apuntou que a aspiración é que “o estudantado desenvolva capacidades prácticas, que o profesorado explore novas metodoloxías e que a investigación responda ás necesidades reais do sector”. Ademais, adiantou a vontade de aproveitar as oportunidades que ofrece a proximidade co norte de Portugal para establecer relacións de cooperación académica e investigadora.
Pola súa banda, José Manuel Merelles destacou a pertinencia da creación desta aula en Ourense, sinalando que esta provincia “é o territorio que máis está medrando turisticamente”. Subliñou o interese da Universidade de Vigo en modernizar o ensino turístico e indicou que esta iniciativa dá continuidade a outras colaboracións entre a UVigo e a Axencia de Turismo de Galicia. Jesús Vázquez, decano da Facultade, puxo en valor a colaboración e agradeceu o financiamento, afirmando que suporá “un pulo desde Ourense a toda Galicia nun sector tan importante como o turístico”. A previsión é que a Aula Turismo de Galicia estea operativa a principios do ano 2027.
A Aula Turismo de Galicia funcionará como un laboratorio de tecnoloxías inmersivas, centrada no uso da realidade virtual e aumentada. Contará con equipamento como Meta Quest 3, HTC VIVE Focus Vision, cámara 360°, e ordenadores de altas prestacións. Permitirá explorar espazos patrimoniais, deseñar experiencias turísticas, simular situacións de aprendizaxe, analizar a accesibilidade e investigar novos modelos de negocio.
As liñas de investigación inclúen o turismo inmersivo, intelixencia artificial, destinos de interior, turismo accesible e inclusivo, termalismo e benestar, e innovación en empresas turísticas. O alumnado beneficiarase dunha aprendizaxe práctica e interactiva, apoio para traballos fin de estudos e teses, e bolsas de investigación, ademais da posible colaboración con empresas e destinos.




