A figura de Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947–Moaña, 2015), recoñecida internacionalmente polos seus estudos sobre a acidificación dos océanos, será protagonista dunha serie de actos conmemorativos que terán lugar en Vigo e Santiago de Compostela entre o 7 e o 9 de outubro. A súa traxectoria profesional estivo marcada pola súa vinculación ao Instituto de Investigaciones Marinas do CSIC, onde iniciou a súa carreira como auxiliar de laboratorio e, tras completar a súa formación universitaria, acadou o posto de profesora de investigación, converténdose ademais na primeira muller en dirixir o centro entre 2006 e 2011. Fernández Ríos foi tamén unha pioneira na participación de mulleres en expedicións oceanográficas, acumulando máis de 800 días no mar e achegando coñecementos fundamentais sobre como a absorción de CO₂ afecta os ecosistemas mariños.
O mércores 7 de outubro, o Instituto de Investigaciones Marinas (IIM-CSIC) en Vigo acollerá, ás 12:00 horas, a presentación do libro Aida Fernández Ríos. Da produtividade das rías á acidificación oceánica. Esta publicación, editada conxuntamente polo Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), busca recordar a figura da investigadora no marco do seu recoñecemento como Científica Galega do Ano 2026.
O xoves 8 de outubro, a Real Academia Galega de Ciencias celebrará o acto central do Día da Ciencia en Galicia no Salón Noble do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, tamén dedicado a Aida Fernández Ríos. O evento, que comezará ás 12:00 horas, contará coa presenza de representantes do CSIC, como a vicepresidenta adxunta de Áreas Científico-Técnicas, Elena Cartea, e a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González Sotelo.
O programa desta xornada incluirá unha conferencia impartida polo catedrático da Universidade de Vigo, Gabriel Rosón, a proxección dun vídeo que repasará a traxectoria da homenaxeada e a entrega das cinco Medallas de Investigación de Galicia. A entrada será libre e o acto poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube da RAGC.
As conmemoracións continuarán o venres 9 de outubro, ás 12:30 horas, coa descuberta dunha placa en memoria de Aida Fernández Ríos no Parque das Ciencias de Santiago de Compostela. Este acto foi convocado pola alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, e contará coa asistencia da delegada do CSIC en Galicia, Carmen González Sotelo.




