O obxectivo central do grupo operativo Multi-Forest, no que colabora o grupo de investigación Hydro-Forest da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, foi avanzar cara modelos de xestión forestal máis sostibles, resilientes e multifuncionais. O seu traballo centrouse no desenvolvemento dunha ferramenta para avaliar a biodiversidade forestal e na análise da viabilidade económica e dos beneficios sociais e ambientais dunha xestión diversificada.
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña (O Porto do Son), socia do proxecto xunto coa Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e a asociación PEFC Galicia, foi o obxecto de estudo. Na Casa Forestal desta comunidade presentáronse os resultados, que confirman a viabilidade económica do modelo de "xestión funcional" desenvolvido por eles. Implementáronse iniciativas como plantacións de arandos, gando en extensivo, pastos e colmeas.
O proxecto Multi-Forest (Multifuncionalidade e valorización integral do monte a través da certificación da cadea de custodia) foi financiado polas axudas da Consellería do Medio Rural, xestionadas pola Asociación Europea de Innovación (AEI) e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Buscaba dar resposta a retos como a diversificación de producións forestais, a mellora na toma de decisións e a busca de novas oportunidades de aproveitamento en terreos de baixa produtividade, incrementando o valor dos produtos e servizos dunha xestión sostible.
A investigadora Elena Seoane explicou que o grupo Hydro-Forest desenvolveu unha ferramenta baseada en imaxes satelitais e modelización espacial para avaliar o estado da biodiversidade e os cambios no uso do solo. Isto permitiu á CMVMC de Baroña tomar decisións sobre a diversificación, como a introdución de 250 arandos adultos e a certificación da cadea de custodia da carne de cabalo e do mel co selo PEFC.
A análise da evolución da cobertura do solo entre 2015 e 2024 en Baroña mostra un aumento da superficie forestal, con maior presenza de coníferas e recuperación de frondosas autóctonas. As masas forestais desta comunidade almacenan 182.064 toneladas de carbono, destacando o papel do monte na mitigación do cambio climático.
Ademais, estudouse a viabilidade económica do modelo de xestión multifuncional e o valor dos beneficios ecosistémicos. Analizouse a rendibilidade a longo prazo das actividades para comprobar se a diversificación achega maior estabilidade económica. O abastecemento de auga e o almacenamento de carbono xeran os maiores valores económicos. A análise custo-beneficio confirmou a viabilidade do modelo, cun valor actual neto positivo de 565.680 euros e unha taxa interna de retorno do 4%.




