Baixo o lema ‘Come o mar, come saúde’, os restaurantes participantes incluirán, dentro da súa carta habitual, suxestións e menús deseñados en colaboración con nutricionistas que teñen como protagonista o produto pesqueiro. O obxectivo é divulgar os beneficios que o peixe, o marisco, os moluscos e as algas teñen no noso benestar.
Os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) alíanse con establecementos de restauración para ofrecer os “Menús Pesca Saúde”. Estes menús demostran como combinar a excelencia gastronómica, os hábitos saudables e o consumo de produto de proximidade. Os establecementos levan meses traballando co equipo de nutricionistas de Pesca Saúde na elaboración de propostas personalizadas e na destacada de pratos xa presentes nas súas cartas.
A lista completa de restaurantes e os menús, que inclúen información nutricional, pódese consultar na web do proxecto, pescasaude.gal. Os menús ofertaranse entre o 22 de outubro e o 22 de novembro.
Pesca Saúde nace como resposta ao descenso do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades. O proxecto defende o consumo regular de produtos do mar como estratexia de saúde pública apoiada en evidencia científica, polo seu papel no benestar cardiovascular, cerebral, óseo, muscular, inmunitario e metabólico.
A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar. Participan sete GALP do litoral galego: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. Conta coa colaboración da Consellería de Sanidade.




