O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe en Santiago de Compostela ás máis de 200 persoas participantes na edición deste ano do programa autonómico Reencontros con Galicia. Esta iniciativa facilita o contacto das persoas galegas do exterior maiores de 65 anos coa Galicia actual e coas súas familias. Neste caso, proceden de países como Arxentina, Brasil, Venezuela, Uruguai, Cuba ou Perú.
O conselleiro salientou a traxectoria e a boa acollida desta acción, que se desenvolve todos os anos en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade. Durante a súa estadía, que comezou o pasado 7 de outubro e finaliza mañá, os participantes están aloxados nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en Panxón e no Carballiño.
Neste tempo, realizaron diversas actividades de lecer e visitas culturais a diferentes localidades, que lles permiten reconectar coas súas raíces e co patrimonio cultural e natural de Galicia. O conselleiro subliñou que a colectividade galega no exterior participa na vida cultural e social de Galicia, mantendo os vínculos coa súa terra de orixe.
Destacou tamén que algúns participantes prolongarán a súa estadía para estar coa familia e que hai casos nos que a última visita a Galicia foi hai máis de 75 anos, o que evidencia a emoción deste reencontro. José González incidiu na importancia de favorecer que poidan volver á súa terra, reencontrarse con familiares e coñecer a Galicia moderna, unha terra de oportunidades grazas ao traballo dos que viven nela e dos que emigraron. Subliñou que as persoas maiores son fundamentais para transmitir a idiosincrasia galega ás xeracións nacidas no exterior.




