A mobilización, que afectará a oito aeroportos españois xestionados por Saerco, o xestor privado de navegación aérea, terá unha repercusión directa en Galicia. Segundo confirmaron fontes da compañía á axencia EFE, os aeroportos da Coruña e Vigo serán os puntos onde se sentirá o impacto desta medida de presión.
Ademais dos aeródromos galegos, a folga estenderase ás torres de control de Sevilla, Xerez (Cádiz), Cuatro Vientos (Madrid), La Palma, Lanzarote e Fuerteventura (Illas Canarias). Os sindicatos USCA (Unión Sindical de Controladores Aéreos), maioritaria en Saerco, e CCOO, denuncian unha serie de problemas estruturais que motivan a convocatoria.
A seguridade aeronáutica non pode sosterse sobre unha plantilla sometida a fatiga, estrés e incerteza permanente.
Entre as principais reivindicacións dos traballadores atópanse a necesidade de contar con plantillas suficientes en todas as torres, o respecto polos descansos aeronáuticos, o fin das activacións “abusivas” de dispoñibilidade, a garantía das vacacións e unhas condicións laborais compatibles coa seguridade operacional e a dignidade profesional. Os sindicatos alertan de que a falta de descansos efectivos e a alteración continua da organización do traballo comprometen a concentración esixida nun servizo tan esencial como o control aéreo.
As organizacións sindicais sinalan que a situación actual é froito de “anos de redución de persoal, sobrecarga de traballo, improvisación organizativa e incumprimentos en materia de descanso, conciliación e planificación do servizo”. Enumeran como causas específicas da mobilización a cancelación de vacacións xa aprobadas, o uso abusivo das dispoñibilidades, cambios de quenda comunicados con escasa marxe, falta de claridade nos cuadrantes sobre os descansos obrigatorios e prácticas organizativas irregulares en varias dependencias.




