O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe en Redondela na presentación da campaña extraordinaria Redondela no Camiño. Esta iniciativa, promovida pola Asociación de Empresarios de Redondela, forma parte das cinco campañas extraordinarias apoiadas pola Xunta este ano, cun investimento global de preto de 100.000 euros para as entidades mellor valoradas.
Gabriel Alén destacou a capacidade da campaña para vincular a actividade comercial coa historia, o patrimonio e a identidade da vila, aproveitando a súa posición estratéxica como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués. O obxectivo é converter o fluxo de peregrinos e visitantes nunha oportunidade para dar visibilidade ao comercio de proximidade e favorecer novas sinerxías económicas e sociais.
A programación, que se desenvolverá ao longo da zona comercial, incluirá unha feira con establecementos de diferentes sectores, produtos locais e artesanía. Tamén se fomentarán colaboracións entre negocios para favorecer a circulación de público.
Ademais, haberá unha exposición ao aire libre, ‘Redondela: a historia comercial da vila’, situada na praza de Ponteareas, que percorrerá a evolución do comercio local a través de fotografías históricas e elementos patrimoniais.
As actividades completaranse con propostas de ocio infantil, accións culturais, demostracións, talleres e intervencións artísticas. A campaña tamén incluirá accións de promoción como descontos, vantaxes, premios e sorteos.




