O lume iniciouse pouco antes das 14.00 horas nunha das illas rochosas que se atopan na desembocadura do río Verdugo, entre os municipios de Soutomaior e Vilaboa. Os labores de extinción, coordinados pola Consellería do Medio Rural, permitiron controlar e apagar as chamas ás 15.43 horas.
No operativo participaron un axente forestal, un helicóptero e dous avións. A superficie queimada, composta maioritariamente por matogueira, pertence ao termo municipal de Vilaboa. O illote afectado atópase deshabitado e forma parte da Ensenada de San Simón, un espazo catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Conservación (ZEC).




