Enrique Varela, profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública e coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, é o primeiro representante da UVigo en formar parte da xunta directiva da Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA). Esta asociación, que agrupa a máis de 600 investigadores, elixiu recentemente a súa nova executiva para os próximos catro anos, liderada pola catedrática Esther del Campo da Universidad Complutense de Madrid, con Varela como secretario xeral.
A nova executiva complétase con Antonio Garrido e Araceli Mateos (universidades de Murcia e Granada) como vicepresidentes, e Mercedes Alda (Rey Juan Carlos) como tesoureira, ademais de dez vogais. A elección tivo lugar durante o XVIII Congreso da AECPA en Granada. É a primeira vez que un representante da UVigo forma parte da directiva desta entidade, fundada en 1993, cuxos obxectivos son o desenvolvemento da ciencia política e da administración, o fomento da investigación e a cooperación científica e profesional.
Varela, quen recentemente finalizou a súa etapa como decano de Dirección e Xestión Pública, sinalou que a súa participación na AECPA achegará "visibilidade e capacidade de interlocución" tanto á facultade como ao grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3. Tamén destacou o seu papel como vicepresidente da Conferencia Interuniversitaria dos Graos en Xestión e Administración Pública (Cigap), que presidiu entre 2022 e 2024.
A directiva, na que Varela permanecerá catro anos, encargarase de programar os congresos bienais da AECPA e as actividades dos seus doce grupos permanentes, enfocados ao intercambio de coñecemento. Un dos eixos centrais será o "recambio xeracional" nas institucións españolas, promovendo a entrada de "novos e novas investigadores e profesores" na asociación.
Outro reto será "defender os intereses dos títulos de ciencia política e da administración" ante as administracións, reforzando o papel da asociación "non só en España senón tamén en América Latina" e fortalecendo as redes internacionais, xa que a AECPA está afiliada á International Political Science Association (IPSA).
Ademais, a Facultade de Dirección e Xestión Pública e o Observatorio da Gobernanza G3 colaboraron coa Delegación do Goberno en Galicia na formación de persoal directivo da Administración Xeral do Estado. Neste contexto, o novo decano, Fernando Martínez, o vicedecano Óscar Briones e Enrique Varela reuníronse co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para abordar "a formación directiva e aspectos vinculados coa facultade".
Durante o curso sobre "Dirección pública profesional e innovación", impartido pola Delegación do Goberno, os docentes da UVigo ofreceron unha visión sobre a situación do persoal directivo e propuxeron "intentar profesionalizar" a dirección pública en España para "garantir unha maior capacidade de autonomía" fronte a nomeamentos "de carácter máis político". O decano Martínez recoñeceu "tímidos intentos" e a necesidade de desenvolver procesos que "verifiquen as competencias e habilidades" para postos directivos.
O curso tamén abordou "o papel da intelixencia artificial na administración", destacando a súa utilidade para axilizar procedementos, pero tamén a necesidade de centrarse nos "valores éticos e humanos" na súa implantación. O decano subliñou que a Delegación do Goberno elixise a "única Facultade de Dirección e Xestión Pública que, como tal, existe en España" para esta formación.




