A memoria anual do Imelga, presentada pola súa directora, Noemí Morte, sinala que se investigaron menos casos de violencia sexual con denuncia, aínda que Vigo segue á cabeza nesta casuística. Ademais, case a metade das 1.982 mortes analizadas foron violentas.
Destacouse o reforzo da unidade de valoración forense integral de violencia de xénero, que duplicou o número de valoracións realizadas. O instituto tamén incorporou ferramentas de xeorreferenciación para localizar áreas de maior incidencia e planificar medidas preventivas, ademais de intensificar a colaboración co Sergas mediante actividades formativas e protocolos comúns.
Completáronse as actuacións nas salas denominadas "amables" nas sedes de Lugo, Pontevedra e Ourense, espazos deseñados para crear contornas máis acolledoras para nenos, adolescentes e persoas con discapacidade, mentres continúan os traballos para a súa implantación en Vigo.
No ano 2025, o Imelga recibiu 34.089 solicitudes de actividade pericial e emitiu 28.099 informes definitivos. O instituto, que conta con 141 profesionais, concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense, sendo o ámbito da clínica forense o que máis demanda acapara con 30.469 peticións.
Dentro da pericia médica xudicial, rexistráronse 9.713 solicitudes de valoración do dano corporal, maioritariamente vencelladas con agresións ordinarias (6.537), seguidas polas relacionadas coa violencia sobre a muller (1.154) e lesións de tráfico (692).
O servizo de patoloxía forense realizou 1.982 investigacións médico-legais, das que 908 foron mortes violentas, incluíndo 303 suicidios e 112 falecementos por accidentes de tráfico. A directora do Imelga chamou a atención sobre a necesidade de racionalizar a xudicialización de mortes naturais para optimizar recursos.
En canto á transformación dixital, destacou a posta en marcha da nova páxina web, o acceso ao visor "Exe" e o desenvolvemento de proxectos piloto de textualización mediante intelixencia artificial e escribas dixitais.




