O Concello do Porriño mellorará a seguridade viaria, a mobilidade e a accesibilidade cun novo paquete de asfaltados en diferentes puntos do municipio. As actuacións levaranse a cabo na Rúa Coruña, Cans, Atios-Rocha, Abelenda, Mosende-Costeira e San Diego. O proxecto, que acaba de saír a licitación, suporá un investimento total de 188.407,74 euros cun prazo de execución previsto de catro meses.
O obxectivo principal destas obras é renovar o pavimento e rehabilitar os firmes nestes espazos públicos e vías que precisaban dunha posta a punto. A intervención máis destacada realizarase no Campo da Festa de Mosende-Costeira, cun investimento de 70.353,53 €, onde ademais do asfaltado se humanizará o espazo reordenando a praza e dotándoa de zonas verdes e pavimento en formigón e granito.
Na Rúa Coruña investiranse 13.824,94 € para rozamento de marxes, fresado do firme actual e a aplicación dunha nova capa de asfalto. Completarase a intervención coa posta a cota de pozos e arquetas, xunto coa renovación da sinalización viaria. Actuacións similares realizaranse no Camiño en Cans, Camiño en Atios-Rocha, Camiño en Abelenda e Campo da Festa de San Diego.
“"Seguimos a mellorar as nosas zonas rurais, porque investir nos camiños é investir en seguridade. O noso compromiso é clave: atender as necesidades de todas as parroquias e de toda a veciñanza."




