As obras, que buscan optimizar a atención personalizada, implican a substitución dos tradicionais mostradores por cabinas acristaladas. Este novo modelo pretende favorecer a confidencialidade da información e das xestións realizadas polos pacientes, transformando as áreas administrativas nun espazo máis próximo, seguro e funcional.
A iniciativa testarase inicialmente en seis centros de atención primaria: Ordes, Os Rosales na Coruña, Pontedeume, A Guarda, Monforte de Lemos e Virxe da Peregrina en Pontevedra. En Ordes e Os Rosales, as obras xa están rematadas e o persoal xa se atopa nos novos postos desde mediados de agosto.
No centro de saúde da Peregrina a obra avanza a bo ritmo, coa previsión de traslado do persoal en poucas semanas. Na Guarda, coas instalacións dos teitos completadas, proximamente colocaranse os revestimentos, seguindo o plan previsto. Tamén se iniciaron as obras en Monforte de Lemos e Pontedeume, que progresan segundo o agardado.
Unha vez finalizadas as obras e avaliada a efectividade destas actuacións, o Executivo galego considerará a posibilidade de estender esta medida a outros centros de atención primaria.
Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de humanización dos centros de saúde, co obxectivo de ofrecer unha atención máis próxima, respectuosa coa intimidade e adaptada ao novo modelo organizativo da atención primaria. O persoal administrativo, cun papel cada vez máis activo na xestión da demanda asistencial, contará con espazos axeitados ás súas novas funcións, mellorando a comunicación e a eficiencia en condicións de privacidade e confort.




