O Servizo de Cooperación da Deputación de Pontevedra remitiu un requirimento técnico ao Concello de Vigo, no que se advirte da obriga de motivar a prórroga do convenio relativo a Finca Matías. Este trámite é fundamental para obter un informe positivo da comisión de seguimento e, así, conservar o financiamento provincial de 2,58 millóns de euros destinado á creación dun gran parque de xogos.
A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, explicou que a demora do goberno local no inicio das obras obriga a ampliar o prazo de vixencia do convenio. Sen a debida motivación e sen a comparecencia do Concello na reunión convocada a semana pasada, impídese avanzar na garantía destes fondos.
“"O Concello debe participar nesa comisión de seguimento para avanzar na solución, porque entendemos que a motivación non debería supoñer ningún obstáculo."
Luisa Sánchez reiterou a disposición da institución provincial para asegurar este investimento e instou ao Concello de Vigo a amosar tamén a súa vontade, reclamando ao alcalde, Abel Caballero, que priorice os intereses da cidade.
A vicepresidenta transmitiu unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía viguesa, garantindo que os fondos consignados se manterán. "A cidade non vai perder estes fondos. Se finalmente non poden investirse en Finca Matías, desde a Deputación buscaremos un destino alternativo, pero sempre dentro de Vigo", concluíu.




