A Deputación de Pontevedra aprobou unha achega de 27.000 euros para que o Concello de Fornelos de Montes execute obras de mellora na drenaxe e pavimentación de varios camiños na parroquia de Estacas. Estes fondos proceden do Plan +Provincia.
O concello de Fornelos de Montes recibirá este ano un total de 820.000 euros do Plan +Provincia, sumando 485.000 euros correspondentes ao ano 2026 e un adianto de preto de 340.000 euros da liña de investimentos prevista para 2027.
No camiño do Couñago, no lugar de Couñago, realizaranse dúas actuacións principais: o formigonado e encubado de cunetas de terra e profundas, converténdoas en vías transitables que permitirán o cruce de dous vehículos. Paralelamente, no camiño da Aldea, en Estacas, mellorarase o pavimento dunha chaira de terra e pedra, que será pavimentada con formigón con fibra de vidro.
Finalmente, no camiño Vello a Ventín, na localidade de Bustelos, canalizaranse as augas pluviais recollidas por baixantes e reixas cara a unha nova cuneta formigonada. Esta mellora facilitará a evacuación da auga e converterá a cuneta en transitable. Ademais, unha chaira con formigón deteriorado será pavimentada con formigón con fibra de vidro e instalarase un canal con reixa para evitar a circulación de augas polo camiño.




