Un operativo de vixilancia do litoral levado a cabo pola Unidade Fénix de Drones da Policía Local de Vigo permitiu a interceptación dun home que realizaba extracción ilegal de marisco na praia de Ríos de Fóra. O dispositivo, que tivo lugar o pasado 16 de maio, realizouse en coordinación coa torre do aeroporto de Vigo.
Alredor das 10:45 horas, os axentes observaron mediante sistemas de vixilancia aérea como un home recollía bivalvos na zona intermareal e os ocultaba entre pedras e algas. Tras desprazarse ao lugar, os axentes identificaron ao sospeitoso, un veciño de Vigo de 56 anos con antecedentes por furtivismo.
Durante a intervención decomisáronse aproximadamente tres quilos de ameixas extraídas de forma ilegal.
Os feitos serán trasladados á Consellería do Mar para a apertura do correspondente expediente sancionador, segundo a Lei de Pesca de Galicia. As autoridades tamén lembraron que a zona onde se realizou a extracción atópase vedada ao marisqueo debido á presenza de toxinas, o que supón un risco sanitario para o consumo humano.




