Axentes da UDYCO da Comisaría de Vigo-Redondela puxeron fin a unha rede de venda de estupefacientes que operaba dende o barrio de Sárdoma. A investigación, que se prolongou durante varios meses, confirmou as sospeitas sobre un individuo que se dedicaba á distribución de substancias dende o seu domicilio e tamén dende diversos locais da zona.
As pescudas permitiron constatar que o detido traficaba principalmente con drogas sintéticas e cocaína. Durante as operacións policiais levadas a cabo, interviñéronse 11 gramos de cocaína, 5 gramos de éxtase, 750 euros en efectivo e unha báscula de precisión, elementos clave para o desenvolvemento da actividade ilícita.
O arrestado pasou na mañá deste xoves a disposición do Tribunal de Instancia, Sección de Instrución, na cidade de Vigo, que se atopaba en funcións de garda para o seu xuízo.




