A investigación comezou en decembro, tras recibir varias alertas veciñais sobre movementos sospeitosos nunha vivenda de Coruxo. As pescudas realizadas pola UDYCO da Brigada Local de Policía Xudicial confirmaron a existencia dun punto de distribución de estupefacientes, que tamén se relacionou cun segundo inmoble situado en Navia.
Segundo os datos recompilados, en ambos os dous pisos os consumidores non só adquirían as substancias, senón que tamén as consumían no interior das propiedades. Esta situación xeraba preocupación entre os residentes das zonas afectadas.
Durante o operativo, que se desenvolveu de forma simultánea nos dous domicilios co apoio da Unidade de Prevención e Reacción (UPR), os axentes incautaron aproximadamente 13 gramos de cocaína, tres gramos de heroína e preto de 1.200 euros en efectivo. Tamén se interviñeron dous patinetes eléctricos, que se sospeita eran utilizados para o transporte da droga.
Ademais, no piso de Coruxo, a Policía descubriu unha estancia habilitada como laboratorio para procesar cocaína. No seu interior atopouse material destinado a transformar a substancia en formato rochoso, así como pipas e outros utensilios relacionados co consumo de drogas.
A investigación tamén revelou que un dos detidos fora arrestado en tres ocasións entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026 por circular en patinete eléctrico con substancias estupefacientes. Os arrestados, dous homes residentes no piso de Navia e unha muller e un home que vivían na vivenda de Coruxo, pasaron a disposición xudicial este venres, acusados dun delito de tráfico de drogas. A operación foi dirixida polo Xulgado de Instrución número 7 e contou coa colaboración do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria.




