O Concello do Porriño acolleu durante dous días unha delegación do municipio romanés de Sacele, situada no distrito de Brașov. O obxectivo da visita foi coñecer de preto o modelo de xestión medioambiental da vila, así como as súas iniciativas en materia de ecoloxía, espazos verdes e biodiversidade.
A delegación, integrada polo administrador da cidade, Sorin Gadea, e o xefe do Departamento Administrativo, Bogdan Mangale, atópase en pleno proceso de construción dun novo parque urbano no seu municipio. Por iso, amosaron un especial interese en estudar o traballo realizado no Porriño para aplicar estas boas prácticas na súa localidade.
Durante a recepción oficial, os representantes romaneses destacaron "a limpeza do municipio e o coidado dos espazos comúns", eloxiando o uso peonil do centro da vila. O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou que "O Porriño demostra que é posible ter un forte tecido industrial e, ao mesmo tempo, ser un referente en sustentabilidade e calidade de vida. A clave está no equilibrio: traballamos día a día para protexer e recuperar os nosos espazos naturais, coa recuperación e integración do río Louro ou as lagoas de As Gándaras como grande exemplo".
A concelleira de Urbanismo, Antía Carrera, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Carlos González, presentaron á delegación os principais proxectos ambientais, a xestión de zonas verdes e as actuacións de rexeneración urbana do municipio.
Posteriormente, realizouse un percorrido guiado polo Parque do Cristo, o Parque Pío XII e diversas áreas infantís para observar in situ os traballos de mantemento e conservación. No río Louro, analizáronse as claves para integrar os espazos naturais no contorno urbano, e no Camiño Portugués amosouse como se vincula o patrimonio natural coa conservación e o turismo sustentable.
A xornada incluíu tamén unha visita ao espazo natural das lagoas das Gándaras, onde se explicaron os traballos de recuperación ambiental e protección da biodiversidade. A comitiva rematou a súa visita na contorna do Faro de Budiño para coñecer as actuacións de valorización da paisaxe e promoción dos recursos naturais, antes do acto de clausura e entrega dun recordo institucional.




