O novo director, que sucede á profesora Rosa Romero, destacou a necesidade de proporcionar ao estudantado, ademais de coñecementos técnicos, criterio, capacidade de aprendizaxe, creatividade, cultura científica e compromiso ético, ante a rápida evolución da sociedade.
A reitora Rosa Crujeiras lembrou o nacemento da EPSE para modernizar o campo galego e subliñou a súa evolución, que acompañou o crecemento da provincia e consolidou a identidade do Campus de Lugo. "Poucos centros desta Universidade reflicten, coma este, o que significa evolucionar sen perder a propia identidade", afirmou.
Carlos Amiama sinalou que a EPSE forma profesionais capaces de afrontar grandes desafíos como a xestión territorial, o cambio climático, a transición enerxética, a produción sostible, as infraestruturas, a robótica ou a dixitalización. Destacou a capacidade da escola para xerar sinerxías entre diferentes áreas, como robótica e agricultura de precisión, ou enxeñería civil e paisaxe.
O profesor Amiama tamén puxo o foco na integración da EPSE no Campus Terra, un campus de especialización que fortalece a súa posición como referente científico e social en sustentabilidade. "Temos unha responsabilidade especial co noso territorio", recalcou.
Entre os retos a curto prazo para o novo director atópanse as infraestruturas, o financiamento, a remuda xeracional e a adecuación da oferta formativa ás demandas sociais. A implantación da formación dual será un dos fitos importantes, así como a colaboración coas administracións, o sector agroforestal, empresas e a sociedade en xeral.
Pola súa banda, Rosa Romero despediuse da dirección cunha "enorme emoción", destacando o simbolismo de facelo no pavillón dedicado á muller rural, espazo que representa o compromiso da Escola coa igualdade e a visibilización do papel das mulleres, especialmente no ámbito rural.




