A convocatoria está dirixida ao estudantado que desexe iniciar estudos en titulacións con límite de prazas e que non conseguisen acceder nalgunha convocatoria anterior. A matrícula poderá formalizarse na Unidade de Xestión Académica correspondente.
O prazo estenderase dende o 10 de setembro ata o 13 de outubro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ata esgotar as prazas dispoñibles. No caso de non poder realizar a matrícula de forma presencial, poderase empregar o formulario da Sede Electrónica da USC para 'Solicitudes de futuros alumnos previos á primeira matrícula'.
Só se terán en conta as solicitudes rexistradas a partir das 09:00 horas do día 10 de setembro, e as prazas adxudicaranse por estrita orde de solicitude.
En Santiago, as titulacións con prazas vacantes son os Graos en Filoloxía Clásica, Lingua e Literatura Españolas, Lingua e Literatura Galegas, Lingua e Literaturas Modernas e Xeografía e Ordenación do Territorio.
En Lugo, ofértanse prazas nos Graos en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Paisaxe e en Xestión Cultural, tanto en modalidade presencial como virtual.




