O certame, que busca premiar a creatividade da veciñanza e capturar a esencia da vida social do municipio, repartirá un total de 1.900 euros en premios entre as doce mellores imaxes. A temática céntrase nos espazos de reunión, interacción e convivencia social, como prazas, rúas, parques, ríos ou mercados, que deberán estar tomadas no municipio.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que a iniciativa busca capturar a identidade local e a vida comunitaria, aproveitando os "espazos marabillosos, de natureza, de arquitectura, de lecer" do Porriño. O xurado valorará especialmente a capacidade das fotografías para transmitir estes valores.
A participación está aberta a todas as persoas maiores de 18 anos seguidoras das páxinas oficiais do Concello en Facebook ou Instagram. Os menores poderán participar a través dun adulto responsable. As propostas deberán enviarse en formato dixital (JPEG, PNG ou TIFF) cunha resolución mínima de 300 ppp a través do formulario habilitado na plataforma Easypromos.
O prazo de presentación de fotografías estará aberto ata o vindeiro 15 de novembro ás 23:59 horas. O proceso de selección combinará o voto do público coa valoración dun xurado profesional.
Os premios distribúense da seguinte forma: 500 € para o primeiro clasificado, 300 € para o segundo, 200 € para o terceiro, e 100 € para cada un dos clasificados do cuarto ao duodécimo posto. As bases completas están dispoñibles no taboleiro de anuncios municipal e en escultura.net.




