Durante seis días, ata o sábado 1 de agosto, os participantes gozarán dunha ampla oferta de actividades de lecer que inclúen propostas educativas, culturais, deportivas e formativas nas instalacións situadas no Grove.
Esta é unha das once quendas programadas para este verán, nas que se espera a participación de máis de 1.500 menores empadroados en concellos da provincia, cunha duración total ata o 5 de setembro.
Os concellos de procedencia dos nenos e nenas que chegan esta semana son Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cangas de Morrazo, A Caniza, Cuntis, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Mondariz, Mos, O Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
No Centro de Vacacións da Lanzada, en San Vicente do Mar (O Grove), a cativada poderá participar en diversas actividades deportivas como deportes alternativos, tiro con arco, orientación e carreira de obstáculos, ademais de deportes de praia como bodyboard e snorkel.
O programa tamén inclúe actividades artísticas, científicas, en lingua inglesa, nocturnas, de coñecemento do medio, teatro, contacontos, baile e saídas culturais, como unha excursión á illa de Ons.




