A Asociación Galega de Fibrose Quística, coa colaboración do Concello de Baiona, organiza unha nova edición da súa tradicional xornada solidaria con motivo do Día Mundial da Fibrose Quística. Este evento, que se celebra dende o ano 2015, chega á súa décima edición e reunirá unha ampla variedade de actividades para toda a familia, como deporte, música, danza, teatro e propostas infantís.
O obxectivo principal da xornada é dar visibilidade á fibrose quística, concienciar á sociedade sobre esta enfermidade rara e recadar fondos que contribúan a mellorar a atención e a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias. A fibrose quística é unha enfermidade xenética crónica e dexenerativa que afecta principalmente os sistemas respiratorio e dixestivo.
A xornada comezará cunha Andaina Solidaria, organizada coa colaboración do Club Cornelios Marqués de Vizhoja e da Concellería de Deportes do Concello de Baiona. As inscricións poden formalizarse mediante un código QR ou unha ligazón específica, e tamén o mesmo día do evento na mesa da Asociación mediante a adquisición de tres rifas solidarias. Estas rifas permitirán, ademais de colaborar coa Asociación, participar en numerosos sorteos de agasallos doados polo comercio local e outras entidades.
Ao longo do día, haberá unha completa programación de actividades artísticas e culturais. Destacan un obradoiro de xadrez da Asociación Xabai, actividades de maxia e inchables de Rey Midas, un pasacalles da Lexión 501 (personaxes de Star Wars) e un photocall solidario. Pola tarde, haberá sesión de Zumba con Bruno Hermida, a representación de Moby Dick pola compañía Pedras de Cartón, actuacións musicais de Gemma Rodríguez e novos talentos, e propostas de danza das escolas Dansá Performing Arts e Giro’s. O peche correrá a cargo do monólogo de Bairetranca, interpretado por Arantxa Treus.
A organización destaca o compromiso de numerosas persoas voluntarias, familias, artistas e entidades, así como a colaboración fundamental do Concello de Baiona (nas súas áreas de Festejos, Deportes, Política Social e Asociacionismo), a Policía Local de Baiona, a Deputación de Pontevedra e o comercio local de Baiona e outras localidades próximas. A Asociación Galega de Fibrose Quística e o Concello invitan a toda a cidadanía a participar e colaborar nesta iniciativa que busca mellorar a vida de miles de persoas.




