Un eucalipto de vinte toneladas caeu na tarde de onte no parque lineal do Río Cádavo, en Fene. A árbore, situada ao pe do río, estaba a ser talada pola familia propietaria cando se produciu o suceso, que afectou en parte á terraza do establecemento hostaleiro O Torreón. Por fortuna, non se produciron danos persoais.
O accidente ocorreu sobre as cinco da tarde, segundo indicou o concelleiro de Urbanismo de Fene, Manuel Polo. Esta non é a primeira vez que se rexistra un incidente deste tipo na zona, xa que unha póla dun eucalipto xigante caeu no mesmo lugar en xullo do 2024.
Naquel momento, o Concello xa anunciou a súa intención de promover a tala destas árbores de gran porte, atendendo ás denuncias das comunidades de propietarios dos edificios colindantes. O ente municipal prevé rematar estes labores antes de que finalice o presente mes de setembro, o que permitirá ademais abrir unha senda peonil á beira do río Cádavo.




