A localidade de Baiona celebra este domingo 30 de agosto, último domingo do mes, unha das súas romarías máis importantes do ano. O evento terá lugar no Parque Mercedes da Escalera e comezará ás 12:30h coa actuación do grupo de folclore “Os Trebellos” da Asociación Folclórica Airiños da Lagoa de Baíña. Ás 13:00h celebrarase a Misa Solemne ao pé do monumento, seguida dunha nova actuación do grupo folclórico.
Alredor das 14:00h, e se o tempo o permite, iniciaranse as tradicionais comidas campestres. Os asistentes poderán degustar choripán, sardiñas (estímase o asado duns 250kg), pan de millo e viño.
Pola tarde, de 16:00h a 19:00h, haberá animación infantil con inchables, pintacaras e tatuaxes, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.
Pola noite, ás 22:30h, na praza do concello e como parte da programación Baiverán 2026, o monologuista Oswaldo Digón presentará o seu espectáculo “Outra Movida”.
A Romería da Virxe da Roca, organizada polo Concello de Baiona, mantén vivas as tradicións da vila dende o 18 de setembro de 1910, data da colocación da primeira pedra do monumento. A construción foi posible grazas á subscrición popular e á colecta entre emigrantes españois en Cuba. A escultura inaugurouse o 14 de setembro de 1930 e celébrase cada último domingo de agosto.
A Virxe da Roca, deseñada polo arquitecto Antonio Palacios e o enxeñeiro Laureano Salgado Rodríguez, ten unha altura de 15 metros sobre o nivel do mar. A figura, agás a cara e as mans de mármol branco de Carrara esculpidas por Ángel García Díaz, é de pedra. O interior alberga unha escaleira de caracol de 45 chanzos que leva a un miradoiro con capacidade para 7 persoas, dende onde se divisa o océano Atlántico, as illas Cíes e a propia vila de Baiona. As escaleiras foron realizadas polo artista baionés Anxo Fernández González (Vernet).




