O programa, dotado con 2.150.000 euros, permanecerá aberto ata o 1 de outubro de 2027. O alcalde anunciou que estas axudas non só cubrirán actuacións de rehabilitación nos inmobles, senón tamén gastos relacionados coa elaboración de certificados de eficiencia enerxética e a contratación de seguros multirrisco.
A iniciativa establece ademais límites nos prezos dos alugueiros para garantir que as vivendas beneficiadas manteñan un carácter accesible. No caso dos inmobles que reciban axudas para rehabilitación, o aluguer non poderá superar os 700 euros mensuais. Pola súa banda, as vivendas que unicamente se acollan a axudas para certificados enerxéticos ou seguros terán un límite máximo de 750 euros ao mes.
O rexedor lembrou que os propietarios que se beneficien destas subvencións deberán manter as vivendas en réxime de aluguer durante un período mínimo de cinco anos.
Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de ata tres inmobles, ademais de entidades sen ánimo de lucro cuxos estatutos contemplen facilitar o acceso a unha vivenda digna a colectivos vulnerables.
En canto ás actuacións subvencionables, o programa inclúe unha ampla variedade de intervencións dirixidas a mellorar o estado e a habitabilidade dos inmobles. Entre elas atópanse os custos de equipamentos, materiais, obra civil e man de obra, así como traballos de conservación e mantemento.
As axudas tamén cubrirán actuacións como pintado, reparación e modernización de baños e cociñas, substitución de carpinterías, melloras en instalacións de fontanería, saneamento, iluminación, ventilación ou calefacción. Ademais, poderán financiarse cambios na distribución interior da vivenda, compra de electrodomésticos e renovación de equipamentos sanitarios.




