A Universidade de Vigo, a través da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) e co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), impulsa unha iniciativa pioneira para levar o coñecemento científico fóra das aulas. O plan anual Ciencia de Ida e Volta busca poñer en valor a experiencia e os saberes do alumnado senior, que asumirá o rol de divulgadores en espazos de encontro cidadán.
Os participantes, acompañados por persoal investigador da UVigo que actuará como mentor, achegarán a súa aprendizaxe e inquedanzas ao público xeral nun formato próximo e accesible. Esta proposta pretende democratizar o acceso á ciencia e fomentar a curiosidade entre a cidadanía.
O ciclo de charlas arrincará este xoves na cafetaría La Gramola de Pontevedra. Alí, a estudante do PUM Coque Fariña, xunto á profesora Luz Pérez Costas e a investigadora Iris Machado de Oliveira, presentará contidos relacionados coa gastronomía e a cultura culinaria galega, aproveitando a súa experiencia como divulgadora.
A seguinte parada será en Vigo, o 19 de xuño no Vitruvia Café. Mauro González Bao, outro estudante do PUM, compartirá o seu coñecemento sobre a construción artesanal da zanfona na charla titulada O milagre da miña zanfona. Contará coa mentoría da profesora Carmen María Abreu Fernández.
En Ourense, o 25 de xuño, o Café & Pop Torgal acollerá a presentación de Celso Sánchez, quen, guiado pola profesora Marisol López, desvelará os segredos da lonxevidade na cociña tradicional galega. A coordinadora en Ourense, Alma Gómez, tamén participará neste encontro.
O ciclo culminará o 26 de xuño cunha gala final no edificio Redeiras de Vigo. Este evento servirá para recoñecer o labor divulgativo de todos os participantes e entregará diplomas aos embaixadores e mentores, pechando así o plan especial polo quinto aniversario de Ciencia de Ida e Volta.




