A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo), África González Fernández, recibiu este mércores o Premio María Josefa Wonenburger Planells 2025, outorgado pola Xunta de Galicia, en recoñecemento á súa traxectoria en investigación en inmunoloxía e nanomedicina. No mesmo acto, celebrado en Santiago de Compostela, a doutora en Física pola USC, Yolanda Prezado, recibiu o Premio Wonenburger 2026.
Durante a súa intervención, González Fernández rememorou a súa carreira profesional e vital, agradeceu os apoios recibidos e reivindicou a necesidade de máis igualdade de oportunidades para as científicas, así como "financiamento público e privado para a investigación, para poder construír unha Galicia, unha España e un mundo mellor".
A laudatio da galardoada foi lida pola vicerreitora de Oferta Académica da UVigo, Esther Pillado González, en ausencia da reitora. Carmen García Mateo, quen xa recibira o premio en 2014, gabou o "brillo académico; sede de coñecemento; e capacidade de traballo e liderado incrible" de González, destacando a súa ciencia, amizade e a demostración de que "coa mente no laboratorio e o corazón na sociedade pódense mover montañas".
No caso de Yolanda Prezado, a laudatio foi lida pola reitora da USC, Rosa Crujeiras. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou o papel de ambas as investigadoras como referentes para as novas xeracións de mulleres na ciencia e tecnoloxía.
África González expresou a súa satisfacción polos avances en igualdade, exemplificados na presenza de dúas mulleres á fronte das reitorías da UVigo e da USC. Comparou a inmunoloxía coa carreira científica, sinalando a necesidade de "forza, memoria, adaptación, moita resiliencia e estar vixiantes de forma continúa para captar financiamento".
A docente e investigadora do Cinbio rememorou as súas orixes humildes e a súa atracción pola inmunoloxía. Destacou os seus estudos de Medicina, o traballo con César Milstein e a súa incorporación á UVigo hai 30 anos, onde creou a única área de Inmunoloxía das tres universidades galegas. Tamén sinalou o seu labor como divulgadora, especialmente durante a pandemia de Covid-19, á fronte da Sociedad Española de Inmunología.
O seu traballo actual céntrase no estudo do cancro, especialmente o de páncreas, con resultados esperanzadores en modelos animais. González sinalou os retos de conseguir financiamento, formar equipos, publicar e manter viva a curiosidade, e demandou "que se sigan abrindo portas para apoiar ás xeracións novas e dicirlle ás nenas e ás estudantes que a ciencia tamén lles pertence".
África González dedicou parte do galardón ao seu grupo de investigación en Inmunoloxía (IN.1), ao que chamou "case unha familia", e agradeceu o apoio da súa familia, mencionando á súa nai, pais, irmáns, home e fillos.
Rematou o seu discurso comprometéndose cunha ciencia "excelente, pero tamén máis humana, inclusiva e consciente da responsabilidade social", desexando que "as próximas xeracións de científicas non teñan que falar tanto de barreiras, senón de oportunidades" e demandando "máis financiamento público e privado para a investigación".
Carmen García Mateo, na súa laudatio lida por Esther Pillado, lembrou os fitos da traxectoria de González, desde a súa licenciatura en Medicina ata a dirección do Cinbio, pasando pola creación da spin-off NanoImmunoTech, a publicación de máis de 200 documentos e o liderado de proxectos europeos.
García Mateo destacou a "xenerosidade e a calidade humana" de González, aludindo ao seu papel como divulgadora e á doazón dos beneficios do seu libro "Inmuno Power" á Asociación Síndrome de Marfan en memoria da súa irmá pequena.
A laudatio concluíu afirmando que "hoxe Galicia e a Universidade de Vigo prémianse a si mesmas ao darte este recoñecemento".




